Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



23/12/25

27-12-25 Convocatoria de actividade de voluntariado ambiental na Xunqueira do Lagares

A Xunqueira do Lagares é unha marisma situada na foz do río Lagares. Trátase dun espazo de grande valor ecolóxico, e que serve de refuxio a numerosas aves migradoras. Ademais, ten valor histórico pola presenza dos restos dunha saíña do SXVIII.



A planta Cortaderia selloana (Herba das pampas) é unha especie de orixe sudamericana que está incluída no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras.  A planta está presente en Galicia desde os anos oitenta do século XX polo seu uso ornamental. Pouco a pouco os exemplares foron naturalizándose e espallandose polas zonas costeiras ata se converter nun problema pola ocupación de áreas de vexetación natural de valor ecolóxico, como por exemplo as marismas. Actualmente segue a estar presente en numerosas zonas do municipio de Vigo, especialmente en terreos  abertos, baldíos e marxes de estradas. 




A Asociación Fontaíña está a controlar o inzamento desta especie na Xunqueira do Lagares mediante a xeolocalización e eliminación dos exemplares asentados, retirada das espigas para evitar o espallamento das sementes e controlando regularmente as novas plantas que nacen cada ano. Polo de agora os resultados están sendo moi positivos e unha vez que se remate co control da herba das pampas na propia Xunqueira do Lagares se pasaría a unha segunda fase, de inventariado dos exemplares que inzan terreos públicos e privados na contorna e viais que bordean a Xunqueira do Lagares, para reclamar ás administracións públicas que acometan medidas de erradicación.

Outro problema que presenta a marisma é a presenza de residuos sólidos, tanto polas enchentas do río como polas pleamares e as saídas de materiais polos sumidoiros, polo que resulta necesario retirar regularmente dito lixo para evitar que se acumule degradando unha zona de enorme importancia natural a nivel local.



O vindeiro sábado 27 de decembro de 2025, de 10:00 a 13:00 horas, a Asociación Fontaíña organiza unha actividade de voluntariado ecolóxico na Xunqueira do Lagares, na que poderán participar un total de seis persoas acompañadas dun monitor. Nela se limparan residuos e se eliminarán algúns exemplares da bioinvasora herba das pampas (Cortaderia selloana) neste interesante espazo natural vigués. Estas actividades de Fontaíña na Xunqueira do Lagares contan co patrocinio do programa de apadriñamento de espazos naturais organizado polo Programa Libera (SEO-Birdlife e Ecoembes). 



A asociación facilitará ó voluntariado a formación previa, ferramentas, lubas, auga e avituallamento, ademais dun seguro de accidentes e de responsabilidade civil. 
Os participantes deben levar roupa de traballo e botas de auga. 

O traballo das persoas voluntarias será dirixido por persoal de Fontaíña. A actividade conta co permiso administrativo do Servizo do Litoral de Pontevedra (Consellería de Medio Ambiente-Xunta de Galicia) e está solicitado tamén na Concellería de Medio Ambiente (Concello de Vigo). 

Para esta actividade é imprescindible apuntarse previamente, mediante o envío dun correo electrónico a 

fontainhavigo@yahoo.es 

indicando os seguintes datos:
Nome participante/s
Tfno. de contacto
Os menores de 16 años deberán participar acompañados dun adulto que se faga cargo deles;  os menores de 16 a 18 anos poderán participar sós previa autorización dos seus pais ou titores (Enlace descarga documento autorización).

Lugar de encontro: Ponte de madeira do Lagares, na estrada Muíños-Samil.