Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



3/11/08

Comeza unha nova andaina do grupo xuvenil "Obradoiro da natureza"...a que esperas para apuntarte?

Xa levamos mes e medio de curso escolar 2008-09 e a Asociación Fontaíña retoma as actividades do seu grupo xuvenil “Obradoiro da Natureza”. Na campaña que agora bota a andar os rapaces desenvolverán un proxecto denominado “Ríos, montes e mar… a xuventude en defensa da natureza” e que conta co patrocinio de Voz Natura e da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar (Xuventude). Tal e como reza o título do proxecto os participantes combinarán actividades en defensa dos nosos bosques autóctonos coas xa iniciadas, na anterior edición, a prol das praias, dunas e marismas de Vigo e tamén tentaremos facer algunha actividade a prol dos ríos vigueses.
Os nenos inscritos recibirán por correo unha convocatoria cada dous meses, aproximadamente para que se apunten ás actividades que, por suposto, son de balde.
Se coñecedes a algun rapaz ou rapaza de entre 8 a 12 anos de idade, interesado en participar nas actividades de Fontaíña comentadelles que se apunten chamando ao teléfono (679457222) da asociación.


Velaí tedes o calendario da primeiras actividades:

Sábado 8/11/08 de 10 a 13h na praia da Fontaíña e Baluarte (lugar de encontro: pasarela de madeira no lugar de Breadouro-Vao). Realizaremos un traballo de plantación de sementes de plantas do litoral galego, que logo medrarán no viveiro da asociación. Se sobra tempo limparemos a praia e arrincaremos plantas exóticas invasoras.

Sábado 29/11/08 de 9:50 a 13h (hora de remate aproximada) nos Montes de Teis-A Madroa (lugar de encontro: Praza dos Leóns, a carón do Vigozoo). Imos realizar unha plantación de árbores autóctonas nos montes desta parroquia, en colaboración coa Comunidade de Montes de Teis.
Nesta actividade tamén poderán participar os pais e familiares dos rapaces. (PRAZO INSCRICIÓN ATA O 24/11/09).



Sábado 13/12/07 de 10 a 13h en Cabo de Mar (lugar de encontro: Paseo de Samil, á altura do restaurante Dornas, perto da praia da Fonte). Traballaremos colocando barreiras para atrapar a area nas dunas, reparando o valado e arrincando flora exótica invasora.


Lembrade polo tanto que aqueles rapaces interesados en participar deben inscribirse canto antes, pois o número de prazas é limitado.

PATROCINADORES: